luns, 7 de outubro de 2013

Donuts caseiros

¿Que vos pedides de merenda para unha tarde de domingo? Pois uns donuts serían un bo plan pero... moito millor se son caseiros.
E así foi, que despois de consultar bastantes páxinas webs atopei esta receta na web de Cocinando con Goizalde que para min son os máis acertados. Sinxelos de facer e certamente moi parecidos aos orixinais.
Unha vez máis, aviso aos máis golosos que non son moi doces. Ademáis tiven que facer uns lixeiriños cambios á receta, que aínda os fixo queda un pouco menos, pero bueno, xa sabedes que no tema do azucre é cuestión de gustos e cada un, pode facelo ao seu.







Ingredientes:
- Unhas 12 cápsulas de cardamomo
- Raiadura dunha laranxa
- 300 gramos de fariña
- 1 cucharadiña de sal
- 80 ml. de leite
- 40 gr. de manteiga
- 2 sobres de levadura de panadería (usei da marca Maizena, que dous sobres son uns 11 gramos. Na receta orixinal usaba levadura fresca, da cal farían falta uns 25 gr.)
- 40 gramos de azucre (Na receta orixinal utiliza azúcar invertido, pero como é algo difícil de atopar e non é algo que teña na casa habitualmente usei azucre normal, pero engadindo un pouco máis da cantidade. Seguro que co azucre invertido sería moito máis doce, pero tiven que improvisar)
- 1 ovo
 

Receita:
-Nun bol poñer a fariña, a raiadura da laranxa, o sal e o cardamomo. Do cardamomo, por se alguén anda algo perdido ou perdida, só se utiliza a semente. Se mercades o cardamomo nunha herboristería seguramente volo vendan nas capsuliñas. O que utilizamos non son as cápsulas así enteiras, senón que as temos que abrir (poñendoas nun pano e golpeándoas un pouquiño cun mazo, ábrense moi facilmente) e escoller só as boliñas negras que teñen no interior.
Engadir esas boliñas á fariña e triturar ben ca picadora, para que quede ben fina a mistura toda.

-Noutro cazo, misturar o leite, a manteiga e o azucre e templar un pouco. Se utilizades microondas un minutiño ou menos será suficiente, pois só é temperar. Engadir a levadura e misturar. Agregar o ovo batido e seguir removendo ata que todo esté ben incorporado.
 Misturar este líquido coa fariña e amasar ben, ata ter unha masa ben compacta. Se vedes que se vos pega moito ás mans, podedes agregar un pouquiño de fariña, pero procurar non agregar moita, só un pouquiño. Tapar o bol e deixar a masa repousando sobre unha hora e media. Lembrade que o pano non toque a masa, pois mentres repousa vai a levedar, e se o pano a toca, non crece.

- Pasada a hora e media amasaremos os donuts, pero antes de nada encender o forno a uns 40º-50º, para que colla algo de calor. Mentras, imos amasando os donuts. Deberían quedar cun grosor dun centímetro ou centímetro e medio, non máis, pois despois no forno temperado crecerán ata case triplicar o tamaño.
Se non tedes cortapastas podedes facer coma min e utilizar un vaso para formar o exterior dos donuts, e para o interior, unha tapa dunha botella de refresco, é perfecta  :-)
Poñer os donuts que imos facendo nunha bandexa de forno, sobre papel para fornear.


- Apagar o forno (importante lembrarse de apagalo!) e deixar a bandexa cos donuts uns 20-30 minutos dentro. Co forno temperado os bolos levedarán máis rápido, e 30 minutos serán máis que suficientes. Coidado de non pasarvos do tempo, pois se os deixades moito máis, é moi probable que volvan a baixar.
Esta é a forma rápida de facelos, pero se tedes tempo podedes deixalos levedar dentro do forno en frío, a temperatura ambiente. Así levaralle seguramente unhas dúas horas mínimo. Pero eu sempre utiliza a versión rápida.


- Unha vez estén os donuts levedados, hai que fretilos en aceite de xirasol que non esté demasiado quente. Fretilos ata que estén doradiños. Unha advertencia: Se facedes os donuts co levedado rápido de 20 minutos, como levedaron en quente son máis delicados aos cambios de temperatura. Non sería raro que se sacades de golpe a bandexa do forno, co cambio de temperatura se baixen todos. Recomendo por eso dúas cousas. A primeira é evitar as correntes de aire na cociña, por eso unha vez te poñas a fretir, millor asegurarse de ter portas e fiestras cerradas. 
A segunda recomendación é non sacar a bandexa dos donuts do forno senón millor ir sacando de un en un conforme os vas metendo na sartén.

-Para o glaseado, na receta orixinal fan un a base de manteigas e azucre en pó pero paréceme unha bomba. Prefiro facerlle o glaseado de toda a vida: ferver azucre cunha pouquiña auga.
Untar o glaseado cun pincel ou, si o queres máis doce, directamente sumerxir os donuts.
Deixalos enfriar un pouco e... listos para comer!

Con estas cantidades a min sáeme unha ducia de donuts máis ou menos, e é preferible non facer grandes cantidades pois o problema que teñen é que non aguantan moitos días. Ao día seguinte xa comezan a estar duriños. E como aquí na casa aínda somos uns cuantos, e sempre hai tamén a quen levar a proba... pois 12 en seguida desaparecen.

Recomendación musical: Enseguida relacionamos os donuts como un dos doces típicos americanos, ese é o motivo polo cal escollo unha proposta musical do outro lado do charco, pero con certo toque nostálxico (hehehe)



Ningún comentario:

Publicar un comentario