Amosando publicacións coa etiqueta masas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta masas. Amosar todas as publicacións

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Roscón de reis

Canto tempo sen escribir no blog! Case dous meses desaparecida... Uf!!
Pero aínda que sexa un pouco tarde, creo que para retomar a actividade agora que comeza o ano novo, esta é a receita máis apropiada: Roscón de Reis.
Teño probado varias receitas, e aínda que estaba bastante contenta coa última que atopara, creo que a partir de agora sempre optarei por esta da web Webos Fritos.
Unha auténtica maravilla. A cantidade de masa da para unha rosca grande (moi grande) ou para dúas dun tamaño máis que xeitoso. De feito eu optei por esta opción de facer dúas, e quedaron moito millor.





 Ingredientes:

      Para a masa nai:

  • 70 gramos de leite enteira
  • 10 gramos de levadura fresca de panadería
  • 1 cucharadiña de azucre
  • 130 gramos de fariña de forza
     Para a masa:
  • 60 gramos de leite enteira
  • 20 gramos de levadura fresca de panadería
  • 450 gramos de fariña de forza
  • 2 ovos medianos
  • 70 gramos de manteiga
  • 25 gramos de auga de azahar (eu púxenlle 15 de auga de azahar e 10 de anís)
  • 1 pizca de sal
  • 120 gramos de azucre, aromatizados coa raiadura de medio limón e de media laranxa
  • Raiadura de medio limón e de media laranxa.
      Para a decoración:
  • Froitas confitadas e guindas (poñer as froitas ao gusto)
  • Ovo batido
  • Azucre humedecido cunhas gotas de auga (eu puxenlle anis, en vez de auga)
  • Améndoa laminada

Receita:

-Comezamos coa masa nai. Templamos os 70 gramos de leite (que esté templada, non fervendo nin demasiado quente) e desfacemos os 10 gramos de levadura fresca. Cando esté ben diluída a levadura, agregamos tamén a cucharadiña de azucre e os 130 gramos de fariña e amasamos. Este amasado non require gran traballo. Básicamente é misturar os ingredientes ata que estén ben combinados, e cando esté, facemos unha bola.
-Collemos un bol con auga temperada e meteremos a bola feita anteriormente nela. A bola comezará a coller algo de aire, e uns 10 minutos despois comezará a flotar. IMPORTANTE: Non pasarse coa temperatura da auga. Ten que estar simplemente templada, tampouco moi moi quente, pois senón a masa non serivirá. E tamén importante retirar a bola cando esté flotando na auga. Non deixala tempo de máis, pois tamén se pode estropear. Cando flote, retirala da auga e poñela nun platiño.

-Continuamos coa masa. Temperamos o leite e desmenuzamos nel o resto da levadura (os 20 gramos).
-Tamizamos a fariña nun bol amplio. Engadímoslle os ovos algo batidos, o azucre aromatizado, a manteiga, a pizca de sal, auga de azahar e o anís, as raiaduras do medio limón e da media laranxa, o leite coa levadura e a bola de masa nai
-Aconsello ir incorporando os ingredientes nesta orde, e aínda non o amasado de todo farase ao final, pode resultar máis sinxelo ir misturando un pouco cada vez que incorporas un novo ingrediente.

-Misturar todo de forma enérxica. Eu non teño amasadora, así que fíxeno a man, e aínda que deu traballo, pois debo decir que o resultado foi moi bo. Poñemos a masa na mesa de traballo, e aceitamos ben as mans para comezar a amasar.
Para amasar este tipo de masas que deben levedar bastante, o método Bertinet é perfecto. É cansado, porque dependendo da masa podo precisar entre 10 e 20 minutos de amasado, pero bueno... sempre podes amasar e facer pausas cada 5 minutos ou así. Eu téñoo probado con máis recetas, e o certo é que aínda que tampouco teño a técnica moi moi ben dominada, aínda que só se lle aplique á masa uns minutos deste amasado, agradécese.


-Cando vexades que a masa está elástica, facer unha bola e deixala levedando, ata que duplique o tamaño. Para que as masas despois queden ben esponxosiñas e non se baixe o levedado, o mellor opción é non apurar o levedado. Se queremos que unha masa levede rápido, se lle aplicamos calor, farao moito máis rápido, pero esta non é millor opción, xa que despois corremos o risco de que cunha lixeira brisa ou cambio de temperatura se nos baixe a masa. ¿Que facer entón? Que a masa levede en frío. Ou ben a gardamos na neveira ou nunha habitación fresca. Este levedado é moito máis lento, pero vale a pena agardar.
Eu o que fago é facer este traballo de amasar pola tarde ou tardiña e déixoa levedando en frío toda a noite.
-Ao día seguinte, divido a masa en dúas partes iguais e con cada unha delas facemos unha rosca.
-Amasaremos un pouquiño máis a masa, para quitarlle o aire, e dámoslle a forma de roscón. Cubrímolos roscóns cunha bolsa de plástico, para que non se reseque, e deixámolos levedar de novo. Nesta ocasión don 2 horas ou 2h30 será suficiente.
A poder ser, cando formemos o rosco, deixarémolo levedando xa sobre papel de forno e na bandexa na que irá ao forno, para non andar movendo moito a masa.

-Pasadas as 2 horas, prequentamos o forno a 200º, e mentras imos pintando o roscón moi suavemente, con ovo batido, e adornamos co azucre coas gotiñas de anís, coas froitas confitadas e coa amendoa laminada.

-Forneamos uns 12 ou 15 minutos, baixamos a temperatura a 180º e deixámolo 8-10 minutos máis (Ollo coa temperatura do forno. Na receita de Webos Fritos pon algo máis de temperatura, pero o meu forno quenta moito, e sempre teño que poñerlle un pouco menos de calor do que recomendan as receitas ou deixalas menos tempo)
Se vemos que nos 10 últimos minutos xa o temos moi tostado pola parte de arriba, podemos tapalo con papel de aluminio, para que se siga cocendo pero non tostando.

Deixámolo enfriar e.... listo para comer!


Se queredes meterlle a figura do rei e a faba (xa que é roscón de reis...) teremos que envolvelas nuns cachiños de papel de aluminio, e meterémolas pola parte de abaixo da masa, con coidado xusto despois de darlle forma ao roscón e deixalo levedar as 2 horas. Facer esto con moito coidado. Creo que é preferible que se vexa un pouco a figura por abaixo que arriscarse a que a masa se afunda e non levede nos sitios onde poñas as figuras.



E por suposto, para os máis larpeiros, podedes deixar enfriar a rosca de todo e abrila ao medio para facerlle un recheo de nata. Se optades por esta opción, as figuriñas xa as podedes deixar directamente sobre a nata.

Recomendación musical:Unha vez máis, nen vou a explicar o porqué desta recomendación... :-)

mércores, 11 de decembro de 2013

Ensaimadas

Levo varias semanas sen publicar ningunha entrada porque o traballo e un resfriado mo impediron pero... aquí volvemos con máis cousas ricas!
Nesta ocasión un doce ao que lle tiña moitas ganas pero nunca me decidira a probar: ensaimadas.
Consultei varias recetas en internet, videos... e ao final decidinme pola versión de El monstruo de las galletas, un blog ben xeitoso e cheo de cousas ricas e curiosidades.
Aviso só unha cousa respecto ás cantidades aquí indicadas. Aproveitei a facer esta receta un día que éramos moitos a xantar, e como na orixinal indicaba que con estas cantidades de ingredientes lle saíran unhas 19 ensaimadas, así fixen eu tamén, pero aviso que a min saíronme 30. Por suposto, acabei levándolle varias a un par de veciños  :-)
 
Non sei se é que amasei moito pero o caso é que a masa levedou moito, e certamente quedoume moi boa. Estirabase moito e moi facilmente e non me rompeu en ningún momento. Por eso tede en conta que se tamén sodes conciencudos coma min á hora de amasar a man... seguramente precisedes moita menos cantidade.

Ter en conta tamén que as ensaimadas precisas de 2 días para a súa elaboración, pois a masa precisa levedar polo menos 12 horiñas.


Ingredientes:
    
     Para a masa nai:
  • 250 gramos de fariña de forza
  • 125 ml. de auga
  • 5 gramos de levadura de panadería (da seca, non da fresca. Para usar desta prensada comprobar cal sería a cantidade equivalente a utilizar)
     Para a masa:
  • 740 gramos de fariña de forza
  • 10 gramos de levadura de panadería
  • 150 gramos de azucre
  • 3 ovos
  • 350 ml. de auga
  • Manteiga de porco (para montar as ensaimadas)

Receita:

- O primeiro de todo é facer a masa nai. Misturamos os tres ingredientes e amasámolo lixeiramente. Tapamos a masa e deixámola repousar ata que dobre o seu tamaño. (No meu caso como estaba cerca da cociña de leña, en pouco máis dunha hora xa estaba lista, pero neste caso o tempo de repouso dependerá da temperatura do entorno onde deixedes repousar a masa nai)

- Cando a masa nai esté lista, o que facemos é a masa. Tamén moi sinxela: poñer a fariña nun bol grande, engadirlle a levadura e o azucre e misturar todo. De seguido engadímoslle os ovos, a auga e a masa nai, e volvemos a misturar ben. Primeiro usaremos unha culler de madeira, e cando xa vaian estando os ingredientes máis ou menos misturados, pasamos a amasar na mesa ou mármore.
Hai que amasar bastante (ata que sude o pe da artesa, como decía miña avoa). Ao principio a masa pegarásevos un pouco ás máns. Nesta caso poderedes agregar un pouquiño máis de fariña, pero non moita, pois o ideal é conseguir que a masa deixe de pegarse ás mans a base de amasar e amasar. Se simplemente agregamos fariña para que non se pegue, a masa acabará quedando dura e pesada, e neste caso non vale: precisamos dunha masa blanda e elástica.
Cando vexamos que xa non se pega tanto e que está ben amalgamado todo, aceitamos a masa e deixámola repousar ata que dobre o seu tamaño.

-De novo neste caso co calorciño da cociña de leña, en hora e media estaba lista para continuar, pero se a deixades nun cuarto máis fresco, seguramente lle leve máis horas duplicar o tamaño.

-Cando esté lista, dividiremos a masa nunhas porcións de 50 ou 60 gramos cada unha. Faremos con cada poción unha pequena boliña e deixarémolas repousar uns 15 minutos sobre a mesa de traballo.



- Pasados os 15 minutiños, comezaremos a formar as ensaimadas. Colleremos a primeira das porcións e, ca mesa un pouco aceitada, estirámola primeiro coa palma da man e logo co rodillo. Darémoslle unha forma rectangular. Seguiremos estirándo ata que quede o máis fina posible. Teríades que poder estirar a masa tanto que se poida ver ao seu través o mármore. Como din no blog onde saquei a receita, ten que pasar a "proba da membrana", que significa que ten que quedar moi elástica. Esto comprobádelo levantando un pouco a masa por un dos lados e comprobando que se pode estirar e que non rompe a pesar de estar tan finiña.

-Extendemos unha capa de manteiga de porco (que estará a temperatura ambiete). Estenderémola cos dedos. De novo, na receta orixinal di que esta capa non debe ser moi fina, e seguramente sexa así, pero eu non puiden evitar repartir ben a manteiga e crear simplemente unha fina capa, pois parecíame moita cantidade de manteiga para unha ensaimada tan pequena.
Unha vez ben cuberta de manteiga, procederemos a facer un rulo coa masa. Dende a parte superior iremos enrollando a masa, deixándoa ben apretada, para conseguir un rulo longo.
A este rulo de masa darémosolle a forma de ensaimada, partindo do centro e enrollandoo cara fóra. A punta de fóra meterémola lixeiramente cara dentro, escondéndoo lixeiramente.
Colocaremos as ensaimadas na bandexa con papel deixando eso si, unha boa separación entre elas, xa que crecen moito.



-Cando estén tódalas ensaimadas listas, deixarémolas levedando 12 horas. Para que non se reseque a masa podemos pulverizarlle un pouco de auga. Do mesmo xeito poden quedar no forno apagado pero preferiblemente deixalas nun sitio aberto. Sen correntes de aire, pero aberto.
Esto dígoo porque, como sabedes, saíronme 30 ensaimadas, polo que tiven que deixalas en varias fuentes. Tres delas deixeinas no forno e non foi a mellor idea. Cando as masas levedan emiten vapores, e ao deixar tantas masas xuntas nun espazo tan pequeno, eses vapores xeraron un pouco de calor, polo que as masas subiron pero ao longo da noite volveron a baixar, cando a temperatura baixou. En cambio a fuente que quedou fóra, sobre a mesa da cociña, creceron e conseguiron unha forma moi bonita.

-Procederemos a fornealas pouco a pouco. Ter en conta que de novo, no forno, crecerán outro pouquiño. Non moito, pero si redondearán a súa forma un pouco máis. Antes de fornealas espolvoreamos un pouco de azucre glass, e deixamolas uns 8 ou 10 minutos no forno prequendato a 220º (no meu caso a 200, pois o noso forno quenta moito).
Deixarémolas enfriar nunha rexilla e cando estén algo frías, espolvoreamos máis azucre glass.

É unha masa non moi doce, apta para os que non son moi aficcionados ás cousas moi doces, pero si queda esponxosa e cunha textura agradable.




 Outra cousa que se pode facer, é abrilas ao medio unha vez estén ben frías, e facerlle un recheo. No meu caso probei 3 recheos: o típico de nata, crema de chocolate e crema de café.

Fixen unhas cremas moi básicas, a base de nata:
Para a de nata: Engadir 2 culleradas sopeiras de azúcre e un toque de canela a 200 ml. de nata e montar todo ben.

Para a de chocolate: Derretir ao baño maría ou no micro uns 75 gramos de chocolate de cobertura.
Cando esté templado engadirllo a 200 ml de nata. Engadir azucre ao gusto (eu púxenlle só unha cullerada) e montar todo.

Para a de café: Engadir 1 ou 2 culleradas de café soluble e 1 cullerada de azucre a 200 ml. de nata e montar todo ben.

Calquera das tres opcións está de vicio. E sóas, tamén!


Recomendación musical: Pois de novo outro topicazo que coido non preciso explicar: "Mediterráneo", de Serrat





venres, 15 de novembro de 2013

Magdalenas con merengue e chocolate / Cupcakes

Volvemos aos doces. E seguimos, como non, compartindo as aplicacións de cociña que máis me gustan e das cales saco as recetas que vou facendo.
Neste caso presento dúas aplicacións cunha mesma receta.
A primeira vez que vin estes cupcakes foi velos e pensar: "teño que probar a facelos"... e eso que o merengue non é que me guste moito, pero é que son tan bonitos... Vinos por primeira vez na revista dixital Whole Kitchen. Unha páxina web moi completa e chea de recetas fantásticas, pero tamén contan con varios exemplares de revistas que te podes descar en pdf dende a súa web.


Gracias a Whole Kitchen coñecín esta receta, pero debo decir que á súa vez eles atopárona na web da gran reposteira Marta Stewart, á que tamén sigo de vez en cando. A única diferencia Marta Stewart realizaba as magdalenas de chocolate. Eu aquí seguín a receta de Whole Kitchen, que consiste en magdalenas con aroma de vainilla e chispiñas de chocolate. A única diferencia é que eu fixen menos cantidade, porque utilicei unhas cápsulas de magdalenas máis ben pequenas, xa que supoñía que ao levar magdalena, chocolate e merengue resultaría moi pesadas facelas grandes.

Pero do mesmo xeito... podedes adaptala ao voso estilo ou gustos e facer as vosas magdalenas favoritas, por suposto.


Ingredientes:

     Para os cupcakes:
  •  200 gramos de fariña
  • 150 gramos de azucre
  • 2 ovos
  • 80 gramos de manteiga
  • 80 millilitros de leite
  • 70 gr de chips de chocolate (no meu caso non tiña, así que usei chocolate picado)
  • 1 culleradiñas de esencia de vainilla
  • 1 pizca de sal
  • 1 culleradiñas de levadura de pastelería

     Para o merengue:
  • 2 claras de ovo
  • 120 gramos de azucre glass
  • 2 culleradiñas de zume de limón (Na receta usa unha culleradiña de cremor tártaro. Úsase para que as claras monten millor, pero como é rara atopala e ademáis non o usaría case nunca, pois púxenlle un pouco limón, que fai un pouco o mesmo efecto. O sal ou vinagre farían o mesmo efecto tamén)
  • 40 mililitros de auga
     Para a cobertura de chocolate:
  • 250 gramos de chocolate de fundir
  • 2 culleradas de aceite de xirasol (ou calquera aceite vexetal)

Receita:

- Batimos os ovos. Agregámoslle a manteiga, o leite, a esencia de vainilla e batimos todo ben.
- Noutro bol misturamos tódolos ingredientes secos (fariña tamizada, azucre, sal e levadura). Misturamos e agregamos estes ingredientes secos aos líquidos. Misturamos, pero sen o batidor. Simplemente cunha culler de pao ou cunha lingua iremos amasando todo. Cando esté listo, agregamos os chips de chocolate (ou como no meu caso, o chocolate picado) e volvemos a misturar ben.
- Prequentamos o forno a 180º e mentras tanto imos repartindo a masa nas cápsulas das magdalenas. Cando estén listos, forneámolos uns 20 minutos. Mentras, iremos preparando o merengue.

- Poñemos nun bol que poida ir ao baño maría o azucre, auga, claras e o zume de limón. Con batedor eléctrico a máxima velocidade batimos un minutos máis ou menos. Pasado o minuto, pasamos o bol ao baño maría, que estará con auga quente. Haberá que ter coidado en que a auga non chegue a ferver.
Xa no baño maría haberá que batir tamén a velocidade máxima polo menos uns 10 minutos, ata que o merengue esté firme. Cando vexamos que está, retirámolo do lume e batimos un par de minutiños máis para que temple un pouco o merengue.
- Cunha manga pasteleira con boquilla ancha, iremos facendo unha espiral de merengue sobre cada cupcake. Meterémolos na neveira mentras preparamos a cobertura. (Eu deixeinos na neveira algo máis de tempo. Deixeinos unha horiña e pico antes de poñerlle o chocolate)

- Fundimos o chocolate ao baño maría ou no microondas. Cando esté derretido agregámoslle o aceite e volvemos a misturar ben. Deixarémolo enfriar uns 10 minutos, e cando esté atemperado, pasarémolo a un bol ou vaso alto e ancho. Hai que ter en conta que teremos que ir sumerxindo os cupcakes para que o merengue se empape en chocolate, polo que teremos que ter coidado de usar un bol onde o merengue non choque no fondo nin nos laterais do recipiente.
- Cubrimos ben o merengue, sacámolo e deixámolos de novo na neveira.

E cando o chocolate esté seco.... a disfrutar!!

Recomendación musical: Aínda que se trata dun postre "para tódolos públicos" eu persoalmente relacionoo con un postre moi de cativos. Tomade unha destas magdalenas escoitando a "Rosalía pequeniña" de Uxía.


luns, 11 de novembro de 2013

Raviolis de espinacas, froitos secos e queixos ricota e parmesano

¿A quen non lle gusta a pasta? É máis aínda se é fresca e feita na casiña..... ñam!
Por suposto que é moito máis sinxelo mercala feita e simplemente aderezala cunha boa salsa pero cando a idea é facela rechea, é un gustazo poder facela á túa maneira e recheala do que che apeteza.
Ademáis facer pasta na casa non é tan complicado, xa veredes....

Aviso que as cantidades que eu utilicei son para un xantar de 6 persoas, e aínda sobraron uns poucos para tamén cear á noite.
Como a pasta feita na casa sempre é máis completa que a mercada, recomendo facer cantidades menores, calculando como 10-12 raviolis por persoa. Poden parecer poucos pero asegurovos que un prato de 10-12 raviolis caseiros, fan un bo xantar de prato único.






Ingredientes:

     Para a pasta:

  • 300 gramos de fariña (a proporción de fariña será sempre de 100 gramos de fariña/1 ovo)
  • 3 ovos
  • 1 cullerada de aceite de oliva
  • pizca de sal 
     Para o recheo:
  • 1 manchea de espinacas frescas (non as pesei antes de cociñalas, pero unha vez cocidas e escurridas fixeron uns 250 gramos de espinaca cocida)
  • 400 gramos de queixo ricota (podedes usar menos, depende da cremosidade que lle queirades dar ao recheo)
  • 90 gramos de queixo parmesano (eu useino rallado)
  • Froitos secos variados (A idea inicial era engadirlle só noces, pero atopei no supermercado unhas bolsas de froitos secos para ensaladas. Traía 60 gramos de noces, pipas peladas e pipas de cabaza, así que pareceume perfecta)
  • Aceite, 1 dente de allo, sal, noz moscada, pementa negra e ourego.
     Para a salsa:
  • Dous dentes de allo
  • 1 cebola mediana
  • Albahaca
  • 1 bote de tomate triturado (uns 300 gramos) ou un par de tomates

Receta:

- Antes de nada, comezamos coa pasta. Nun bol grande poñemos a fariña. Facemos un volcán e no medio escascamos os ovos, e agregamos o sal e aceite. Imos misturando pouco a pouco, incorporando a fariña aos ovos pouco a pouco, e continuamos amasando ata conseguir unha boliña de masa que non se pegue ás mans (pode ser que ao tempo que imos amasando precisemos engadir un pouquiño máis de masa).
- Cando esté lista, deixámola repousar cuberta cun trapo limpo.


- Mentras tanto, continuamos preparando o recheo.
Poñemos a ferver auga (con sal) para preparar as espinacas e cocémolas uns minutos. Con que fervan uns 5 ou 6 minutos será suficiente. Hai quen as deixa máis tempo, pero para o meu gusto uns minutos de cocción son suficientes. Mentras cocen imos preparando un bol con auga ben fría e cubitos de xeo, e cando estén cocidas, pasaremos as espinacas a este bol para así enfrialas rápido e cortar a cocción. Así tamén axudará a que manteñan millor o seu fermoso cor verde.

- Nunha tixola con aceite de oliva imos sofreíndo o dente de allo picadiño. Mentras se tosta, escurrimos ben as espinacas, picámolas tamén un pouco e agregámolas á tixola co allo. Remexemos ben e mantendo un lume medio-baixo deixamolas uns minutos para que lles evapore ben a auga que lle poida quedar. Pasados un par de minutos engadímoslle as especias, un pouco ao gusto de cada quen (pimenta, sal, ourego e noz moscada). Engadiremos aquí tamén os froitos secos que teremos picados lixeiramente (esto tamén será ao gusto de cada quen: se preferides atopar os froitos secos ben grandes, podedes agregalos directamente da bolsa, pero se preferides que non se noten tanto, picadelos ben). Remexemos e deixamolo un par de minutos máis sofreíndose.
- Pasamos a un bol o sofrito de espinacas e engadímoslle os queixos ricota e parmesano, e con axuda dunha culler de pao ou dunha lingua, misturamos todo ben ata conseguir unha masa onde tódolos ingredientes estén ben incorporados.

E prodecemos a montar os raviolis. O ideal é ter unha máquina de facer pasta. Hainas de diferentes tamaños pero unha sinxeliña como a que teño eu, podedes atopala por 25 euros. Senón outra opción é amasar cun rodillo, pero así sempre da máis traballo e ademáis é imposible que saian as planchas co mesmo grosor.
Entón, coa máquina de facer pasta, facemos unha tira do grosos que queiramos. Estiramola na encimeira e iremos poñendo pequenas boliñas de recheo ao longo da mesa. Facemos outra tira da mesma lonxitude e poñemola encima, e cos dedos iremos dándolle forma aos raviolis, cubrindo ben o recheo e procurando que non lle quede aire dentro, para que despois ao cocer non rompan (a proxima vez que os faga, farei fotos do proceso para poñer).
Cortamos cun cortapastas para darlle esa forma de cadrado rematado en picos (se non temos, cortámolos cun coitelo e listo).
Seguiremos facendo esto ata rematar coa masa ou ata conseguir o número de raviolis que queiramos. (Tanto a masa como o recheo, se sobran, se poden conxelar e utilizar noutra ocasión).

- Cando teñamos os raviolis listos, poñemos unha pota con auga con sal a ferver. E mentras ferve, noutra pota baixa sofreimos o allo e cebola ben picadiños, a salsa de toma e a albahaca picadiña.
- Cando a auga comece a ferver, iremos engadindo os raviolis (se vemos que son moitos, facémolos de pouco en pouco). A pasta fresca cócese moi rápido, de feito hai que ter coidado porque aquí por exemplo gústanos que este al dente,  pois se a deixamos moito tempo e se pon blanda... a textura non será tan agradable.
Simplemente poñemolos na auga, e cando vexamos que se van separando do fondo da pota e que soben á superficie da auga, estarán listos para quitar. Retirámolos, escurríndolle ben a auga, e pasámolos á pota onde temos o tomate ca albahaca. O tomate non é preciso que cubra tódolos raviolis, só é para darlle un pouco máis de sabor. Cando estén tódolos raviolis no tomate, deixarémolos cociñando uns 5 minutiños máis e.... listos para comer!!
Dou traballo, pois son moitos pasos, pero asegúrovos que vale a pensa. Animádevos!!

Recomendación musical: Por suposto, música italiana, e por suposto...un topicazo :-D
Jimmy Fontana con sobradamente conocido "Il mundo"
 

sábado, 2 de novembro de 2013

Tarta de lima con masa quebrada

Cando me regalaron o ipad alegreime moito porque lle saco moito partido para o traballo. Non lle teño instaladas moitas aplicacións porque como digo, prácticamente só o uso para traballar, pero si non puiden resistirme a instalar a aplicación de recetas de Jamie Oliver. Recetas magníficas e ademáis permíteme practicar inglés. ¿Que máis se pode pedir?  :-)

  

A aplicación é gratuíta, e ven cun pack de recetas gratis. Despois presenta múltiples packs de recetas temáticos: pratos de verán, pratos para facer en 20 minutos, recetas de nadal, tapas.... Cada pack inclúe sempre unhas 10 recetas máis ou menos, e tamén algún video onde o propio Jamie Oliver explica diferentes técnicas.
Antes a fórmula para descargalos era ter que mercar cada pack de un en un, variando os prezos entre 2,5€ - 4€.  Agora cambiaron a fórmula. Xa non tes que mercar os packs individualmente senón que pagas unha cuota que che permite acceder a tódalas recetas durante un límite de tempo. Así por exemplo se pagas 2,99€ tes acceso ilimitado a tódalas recetas do programa durante un mes. Por 5,66, durante tres meses.... e así podes pagar por 6 meses e por un ano. Realmente igual resulta un pouco máis caro, pois da outra forma mercabas un pack e pagabas unha vez e tíñalo para sempre, pero realmente paréceme máis interesante así. Agora mesmo eu paguei os 6 euros, e así, ata xaneiro do 2014 teño acceso a tódalas recetas. Non que é que de aquí a xaneiro as vaia a facer todas, pero si que estou mirandoas todas con calma e apuntándome aquelas que vexo que me gustan. O mesmo cos videos, que os podo ver todos. Así, cando pasen os 3 meses, se non quero renovar, darame igual, pois xa terei visto tódalas recetas.

Pero vamos ao que vamos... Ainda que a min o doce non me gusta moito si que me gusta facer postres, e Jamie Oliver inclúe un pack de postres... irresistibles!
Encántame Jamie Oliver. Gústame a forma de cociñar que ten, tan caseira pero á vez tan traballada. E a estética dos seus platos, paréceme xenial. Realmente fai que a comida che entre polos ollos.
E neste caso atrevinme ca súa tarta de lima. Aviso que non é unha tarta apta para lambóns  :-)  
É unha tarta bastante ácida, pero sen chegar a ser molesta. Encantoume porque non é nada doce. Non é unha tarta doce con sabor a lima. É realmente unha tarta de lima. Moi fresca, potente, con moito sabor a lima. Atrevédevos a facela se non sodes moi de postres doces, pois este é perfecto.
Non variei a receta de Jamei Oliver, pero como é normal, non quedou igual  :-(  A el quedoulle moito máis clariña. A miña crema colleu unha cor laranxiña, pero a el quedoulle máis pálida, o que estéticamente queda moito millor. É certo que quizais eu cocín un pouco máis a crema, porque non me daba collido o espesor que quería (de feito tiven que acaba incorporándolle un pouco de maizena para espesar).
Non sei que pasou....Supoño que por algo el é un chef de fama mundial e eu unha aficcionadilla  :-D

Con estas cantidades sae unha tarta bastante grande. Eu fíxena para un día que eramos moitos a xantar, pero se queredes facer unha para probar facedea á metade ou incluso menos, pois aviso que é bastante potente de sabor, polo que cunha porción pequena pode ser suficiente.

Ingredientes:

Para a masa quebrada:
400 gramos de fariña
150 gramos de manteiga
120 gramos de azucre
Unha pizca de sal
Auga

Para a crema:
7-8 limas
10 ovos
230 gramos de manteiga
150 gramos de azucre branco
125 gramos de azucre moreno


Receita:

- Comezar ca masa quebrada. Tamizar a fariña nun bol e engadirlle o sar e o azucre. Misturar todo ben.
-Incorporar a manteiga cortada en anaquiños e irlla incorporando. Un truco para facelo rápido e sen que resulte engorroso: ir collendo os cachiños de manteiga de un en un e envoltos nun bo montonciño de fariña e frotalo entre os dedos, collendo máis fariña sempre que sexa preciso, se ves que se che pega aos dedos a manteiga. Así, cachiño a cachiño é máis rápido e queda millor.
O resultado é que a fariña ten que quedar cunha textura como areosa.
-Cando esté todo ben incorporado e sen grumos, engadirlle un pouquiño de auga. Hai outra opción de facer a masa quebrada engadindo un ovo, en vez de auga. Pero neste caso como a crema xa leva tantos ovos preferín optar pola auga, e así reducir polo menos na masa os ovos. Fixádevos que levaría só un ovo, así que calculade que a cantidade de auga que agreguedes terá que ser moi pouquiña.
A idea de agregar auga (ou leite, ou un ovo) é simplemente para que a masa colla forma, así que se tal agregade só un chorriño de auga, e se vedes que precisa máis, agregade outro, pero coidado de non pasarvos, pois senón teredes que agregar máis fariña e xa se desequilibran as cantidades de azucre e manteiga.
- Deixar a masa repousando na neveira entre 45 minutos e 1 hora.


- Comezamos mentras co recheo. Picamos os 230 gramos de manteiga en taquiños para e deixámola para que se ablande a temperatura ambiente.
- Nun bol escascamos 5 dos 10 ovos. Dos outros 5, separamos as xemas das claras e agregamos aos 5 ovos anteriores só as 5 xemas. (Gardamos as claras na neveira para outra ocasión). Batimos todo e reservamos.
- Raiamos 3 limas e reservamos tamén esa raiadura. Con esas 3 limas que raiamos e as que precisemos a maiores, precisamos conseguir 250 ml. de zume de lima. (Na receta Jamie Oliver decía que precisara 8 limas, pero a min chegáronme 6). Reservamos o zume.
- Agora que xa temos a mise en place lista, comezamos.

-Comezamos coa base. Prequentamos o forno a 180º. Sacamos da neveira a masa.Poñemola sobre un papel de fornear e estirámola ata que vexamos que nos chega para cubrir o molde, e cando esté, poñéñola sobre o molde co mesmo papel de fornear (así aforrámonos poñerlle máis manteiga para que non se pegue). Asentamos ben a masa e recortamos os bordes sobrantes. Cun garfo picamos todo o fondo da masa pois senón esta masa no forno incharía e romperíase.
Poñerlle por encima outro cacho de papel de fornear e sobre el, esparcirlle garbanzos ou fabas. Esto faise porque esta masa no momento en que se fornea precisa ter peso encima, senón rompe, por eso tes que poñerlle unha boa cantidade de legumes, cubrindo ben todo o fondo.
As legumes que utilices para facer de peso lóxicamente despois non van a servir para cociñar, por eso eu o que fago, para non andar estropeando garbanzos cada vez que fago masa quebrada, é gardar unha bolsa estes garbanzos e reutilizalos cada vez que queira facer máis masa quebrada. Ao metelos tantas veces ao forno chegará un momento que se vaian poñendo negros e terás que ilos tirando, pero bueno, polo menos non se estropea de cada vez un paquete de legumes.
- Meter no forno a 180º uns 15 minutos. Pasados eses 15 minutos retirarlle o papel de fornear cos garbanzos e seguilo cocendo outros 5 minutos máis.

- Mentras se coce a masa, facemos o recheo. Coller os ovos batidos e agregámoslle a manteiga picada en tacos e os dous tipos de azucre. Batimos todo ben ata que tódolos ingredientes estén incorporados. Poñemos a mistura nun cazo e poñemolo ao lume medio.
-Agregámoslle o zume e a raiadura de lima. Unha vez comece a ferver, deixamos que se cociñe uns 5 minutos. Estar pendentes da crema, e ir remexendo cunha lingua ou cun batedor xa que estas cremas con tanto ovo tenden a pegarse moi facilmente.
-A crema comezará a espesar, e cando vexades que xa ten unha textura similar á crema pasteleira, retirar do lume. No meu caso, non sei se polo tipo de manteiga ou porqué, non me acababa de coller o punto de espesor que quería, así que como tampouco quería pasarme ca cocción, retirei do lume e engadinlle un pouquiño de maizena para espesar.
-Cando a base esté lista, deixala arrefriar un pouco, e cando esté, cubrila coa crema de lima e ovo. Para decorala un pouco podemos esparcille lixeiramente por encima a raiadura de unha ou dúas limas (podemos aproveitar as peles das limas que xa usáramos para facer o zume)

Jamie Oliver presentaba unha opción de acompañamento moi sinxela. Picar un par de galletas cun par de bolas de xenxibre (ou engadirlle xenxibre en pó, no caso de non telo en rama ou boliñas). Montar unha pouca nata e cando esté, engadirlle esa mistura de galleta con xenxibre. Supoño que ese acompañamento suavizaría un pouco o sabor forte da lima, pero como na nosa casa non somos moi de nata pois non llo fixen.
Penso que outra opción ao millor tamén podería ser montar as claras que non utilizáramos dos 5 ovos e facer unha especie de merengue, pero en vez de con tanto azucre, con azucre e xenxibre. Non sei, esto non o probei, pero penseino máis que nada para así aproveitar tamén as claras.

¿Que outras ideas de acompañamento pode haber? Si se vos ocurre algunha cousa, compartide os vosos coñecementos que agradecereino moito.  :-)

Recomendación musical: Un postre tan fresco e ácido como esta tarta de lima precisa da boa música brasileira. E a "Aquarela Brasileira" interpretada por Casuarina e Leci Brandao resume á perfección todo o que é o Brasil.


martes, 29 de outubro de 2013

Pan de ovo

Non, non é unha rosca. É un pan de ovo. Para quen nunca o probara é similar á rosca, pero quizais de masa un pouco máis compacta e menos doce. Vamos... o perfecto acompañante para unha taza de chocolate quente  :-)

Unha vez máis, saquei a receta do magnífico blog Un Cachiño Doce.



Ingredientes:

800 gramos de fariña de forza
6 ovos
160 g de azucre
125 g de manteiga de vaca derretida
Raiadura de dous limóns
Raiadura de dúass laranxas
50 ml de zume de laranxa
Uns 25 gramos de levadura de panadeiro (soen ser 3 sobres)
100 ml de anís

1 culleradiña de sobremesa de sal
100 ml de leite 



Receita:

- Antes de nada decir que eu con estas cantidades precisei bastante máis de 800 gramos de fariña. Debín usar o quilo enteiro tranquilamente.

- Derretimos a manteiga de vaca (en calquera supermercado se atopa xa lista para repostería, e a diferencia entre usar esta manteiga ou clarificar a mantequilla... é abismal). Deixar que arrefrie un pouco.
 - Nun bol, batir os ovos. Cando estén, agregar ir agregando de un en un ingrediente o azucre, o zume, o anís, as raiaduras e a manteiga. Cada vez que engadas un ingrediente, volver a batir, e non agregar o seguinte ata que esté ben integrado o anterior. Aviso que, para os que sexades máis lambóns quizais tedes que engadirlle máis azucre. A min non me gustan moito que os biscoitos queden moi doces, ao contrario, pero quizais 160 para tanta fariña si se quedou algo escaso. Quizais probar con 180 ou incluso 200, se sodes moi lambón.
- Templar o leite (ollo! só templar, non ferver), e mentras, ir tamizando a fariña. Engadirlle a levadura e misturar ben. Facer un oco no centro da fariña a modo de volcán, e incorporar a mestura dos ovos. Incorporar tamén o leite temperado e comezar a misturar tódolos ingredientes cunha cuchara de pao ou cunha lingua de silicona.
Cando vaia collendo forma a masa, comezar a amasar coa man na mesa, incorporando fariña se vemos que precisamos máis. A idea é que quede unha masa elástica e boa de traballar, pero que non se pegue moito ás mans. É unha masa bastante húmida, polo que non vai a quedar coma se fose un pan, pero tampouco se debe pegar moito ás mans.

- E por suposto, para que tamén deixe de pegársenos ás mans... a solución é amasar ben. Hai que ter paciencia, aviso.  Está ben agregar un pouco de fariña de máis se vemos que a precisa, pero tamén hai que amasar ben para que non se pegue. Engadir fariña porque sí non é a solución. Hai que amasar polo menos 20 minutos.  Este tipo de masas é o que teñen: que precisan dun bo amasado.
Miña avoa cando mandaba a miña nai de pequena amasar a masa do pan, sempre lle decía : "Hai que amasar ata que súe o pé da artesa".  Pero miña nai sempre miraba e nunca lle vía o suor, polo que non podía parar. Así que... xa sabedes. Amasar ata que súen as patas da mesa. :-)

- Cando levedes xa un tempo amasando e vexades que a masa xa non se  pega e colleu forma, facer un bolo e deixalo no bol enfariñado a repousar. Deixala cuberta cun plástico film no forno apagado, ou en calquera outro sitio que non teña corrente. Ten que levedar unhas dúas horas, ou ata que dobre o tamaño.

- Cando teña levedado, dividir a masa en 2 e facer con cada metade unha pequena trenza, ou si se prefire, unha forma redonda de rosca.  Lembrade de darlle forma directamente sobre o papel de forno sobre o cal cociñaredes os pans, porque así será moito máis sinxelo cambialo de fonte.
Deixar de novo que levede, de novo ata que duplique o volume (outras dúas horas) no forno apagado.

- Pasadas as dúas horas retirar do forno os pans e prequentalo a uns 180 grados. Mentras se prequenta, decorar con azucre humedecido en anis. Só tedes que poñer nun vaso a cantidade de azucre que precisedes para decorar, e engadirlle unhas gotas de anís. Só unhas gotas serán suficientes. Amasar e mesturar ben cos dedos o azucre para que se empape, e ir extendendo pola masa.

- Baixar o forno a uns 170 e deixalo uns 20 minutos. Pasado este tempo, cubrir con papel de aluminio para que non se queime pola parte de arriba e continuar a cocción outros 15 minutos máis ou menos. Esto como todo é orientativo e depende do forno e tamén do tamaño do bolo, pois podedes facelo máis pequeno se queredes.

Como o proceso é bastante longo, podedes facer a masa pola tardiña e unha vez esté levedada a masa a temperatura ambiente, en vez de formar a trenza ou rosca, gardar a masa na neveira e seguir co proceso á mañá seguinte. Así se o queredes tomar de postres, tedes toda a mañá para formar as trenzas, para que leveden e para cocelo, e así, comelo ben fresquiño.

Recomendación musical: Non foi sinxelo atopar unha recomendación para este postre, pero logo de pensar un pouco, ocurríuseme que tería que ser algo coma este doce: aparentemente sinxelo, pero cheo de matices e sobre todo, doce e suave.
Déixovos por eso "Arriero", de Coetus

martes, 22 de outubro de 2013

Empanada de millo de xoubas

Encántame tódalas empanadas de millo. Dame igual o recheo, se a masa está máis dura, máis blanda... Dame igual. Todas me encantan.
Por eso non podía faltar aquí esta receta.
Creo que pouco máis se pode contar deste plato tan galego, así que, vamos xa ca receta.
O único que vou a comentar é que unha vez máis, estas cantidades que indico na receta son totalmente estimativas. De novo esta receta é un plato moi tradicional, por eso en cada casa farase dunha forma, e seguramente todas son válidas.  Moi probablemente exista unha receta perfecta, pero eu non son a persoa axeitada para dar a definitiva. Simplemente me limito a compartir este plato tal e como o fago eu para nós.
De feito nin tan sequera eu teño unha receita exacta, xa que por exemplo, nesta ocasión veredes que  usei levadura, pero ás veces teñoa feito sen ela.
Neste caso para a receta da masa guieime polo blog La Cocina de Lechuza que de todas as que levo feitas, é a que máis me convenceu.


Ingredientes para a masa:
- 800 gramos de fariña de millo
- 200 gramos de fariña de trigo
-  250 ml de aceite de oliva
- Uns 25-30 gramos de levadura de panadería
- Auga tibia (uns 400 ou 450 ml)
- Pimentón
- Sal

Ingredientes para o recheo:
- 2 cebolas
- 2 pementos verdes
- 1 quilo de xoubas
- Aceite de oliva
- Pimentón doce
- Viño blanco (opcional)
- Sal


Receta:
Ben, comecemos polo máis básico que é decir que a fariña de millo que se usa para estas empanadas non é a fariña de millo cocida que se atopa nos supermercados. Non é a Maicena, nin tampouco fariña de arepas. Estas fariñas están xa cocidas. Nós a que precisaremos é fariña de millo "natural". Supoño que nas panaderías ou nalgunha herboristería se poderá mercar. E digo supoño porque nós temos a sorte de ter uns amigos veciños que nola deron. Eles mesmo cultivan e moen o millo (e ademáis incluso o moen aínda en muíño de pedra) e hai xa varios meses que nos deron algo máis de 5 quilos!. Se vos pasa así e vós mesmos cultivades ou polo que sexa decidides mercar moita cantidade, avisarvos que deberedes de ter bastante coidado con ela. Ao ser tan natural é moi probable que lle poida acabar entrando bicho, así que o que tedes que facer é gardala no conxelador. Podedes gardala toda xunta, pois, tranquilos, que non se conxela. Como é un producto seco non se conxela, polo que só teredes que sacar a cantidade que necesitedes en cada ocasión e despois... volta con ela ao conxelador.

Unha vez explicado esto... vamos á receta:

- Poñer os 250 ml de aceite nunha sartén pequena. Cando esté ben quente, quitar do lume e engadirlle unha boa cullerada de pimentón doce. Remexelo ben e reservar a mistura.

- Nun bol grande, poñer os dous tipos de fariña coa sal. Misturar ben e facer un volcán no centro.
- Disolvemos ben a levadura na auga templada. Verter a mistura no centro do volcán de fariña.

- Agregar tamén o aceite con pimentón e comezar a misturar todo ben. Integrar só o aceite, sen rascar o fondo da sarten. Se facedes así vaivos a quedar un lixeiro fondón de aceite e pimentón lixeiramente espeso no fondo da sartén. Non vos preocupedes que o utilizaremos máis tarde, cando montemos a empanada.

Hai que integrar ben a fariña. Estas cantidades que se indican deberían ser correctas, pero como tamén depende das fariñas, pode ser que precisedes agregar un pouco máis de fariña ou de auga para que quede ben. En calquera caso tentaremos engadir as menores cantidades posibles, simplemente debe ser para correxir e axustar a masa. Ten que quedarvos unha masa que non se pegue moito nos dedos, pero que non vos extrañe que non quede como unha masa de fariña de trigo. A fariña de millo ten outra consistencia moi diferente, e non chega a quedar tan compacta. De feito veredes na montaxe que non se estira con rodillo, senón que se vai montando a cachiños.

- O ideal sería que a masa levedase unhas 2 horiñas, e como facer o sofrito nos levará uns 45 minutos ou unha hora, pois deixamos repousar e levedar a masa nun sitio sen correntes (dentro do forno apagado, por exemplo), e unha hora despois, máis ou menos, poñerémonos a preparar o recheo.

- Poñer un pouco aceite e facer nel un sofrito coas cebolas e pimentos ben picados. Esto tamén vai para o gusto de cada quen. A min gustame que se vexan os cachos das verduras, por eso non as pico tan tan finísimas.

- Engadirlle, si se quere, un chorriño de viño blanco, unha pizca de sal, e deixar que se faga a lume lento. (A min estes sofritos gústame que se fagan despaciño, así que non vos preocupedes se o tedes que deixar 20 ou 30 minutos).

- Cando esté case listo, engadir as xoubas. Neste caso, como veredes na foto, engadinas enteiras. Quiteille as tripas, por suposto, pero deixeille as espiñas e as cabezas tamén. Nós aquí na casa cando as xoubas son pequenas simplemente as fritimos e gústanos comelas así enteiras, pois as espiñas non se lle notan. E certamente unha vez fixera esta mesma empanada pero cas xoubas abertas e sen espiñas nin cabezas, e realmente non sabía igual. Creo que quitarlle as cabezas fai que a empanada perda moito sabor. Pero claro... se as xoubas son moi grandes si que hai que quitarlle as espiñas.


- Deixar que as verduras se fagan coas xoubas durante outros 10 minutos (máis ou menos),  revolvendo de vez en cando. Non vos preocupedes se as xoubas rompen. Cando vexades que está listo, probar se está ben de sal, e se está ao voso gusto, retirar do lume, engadirlle unha culleradiña de pimentón doce e remexer de novo.

- Encender o forno a a uns 180º mentras montamos a empanada.

- Poñer papel de forno na fonte onde vaiamos a facer a empanada e ir cubrindo o fondo coa masa. Insisto en que non é sinxela de cubrir, pois hai que ir moldeando coas mans pequenos cachos e, a modo de parches, ir cubrindo o forno, pero paciencia, que vale a pena o traballo.
Lembrarse de deixar un lixeiro borde. Cando esté, extender o recheo pola empanada deixando un ou dous centímetros polos bordes. É importante que cando vaiades agregando o recheo lle escurrades o aceite pois este tipo de masas non soporta un recheo moi liquido. Despois podedes agregarlle por encima unhas culleradas do aceite, pero que non vaia todo misturado.

- Co resto da masa cubrir a empanada e pintala co aceite con pimentón que reserváramos na sartén. Vaille a dar unha cor vermella máis que interesante.

- Como esta masa de millo unha vez cocida rompe facilmente, antes de meter ao forno trazar lixeiramente cun coitelo as liñas por onde a cortaremos unha vez lista.
- Cando esté lista, meter no forno a uns 180º-200º (depende do forno) durante uns 50 minutos.

E non vos preocupedes se sobra, pois está tan boa despois de feita como ao día seguinte.

Recomendación musical: Chamádeme nostálxica, pero unha boa empanada de millo tense que acompañar cos da Roda. Tradición.


luns, 7 de outubro de 2013

Donuts caseiros

¿Que vos pedides de merenda para unha tarde de domingo? Pois uns donuts serían un bo plan pero... moito millor se son caseiros.
E así foi, que despois de consultar bastantes páxinas webs atopei esta receta na web de Cocinando con Goizalde que para min son os máis acertados. Sinxelos de facer e certamente moi parecidos aos orixinais.
Unha vez máis, aviso aos máis golosos que non son moi doces. Ademáis tiven que facer uns lixeiriños cambios á receta, que aínda os fixo queda un pouco menos, pero bueno, xa sabedes que no tema do azucre é cuestión de gustos e cada un, pode facelo ao seu.







Ingredientes:
- Unhas 12 cápsulas de cardamomo
- Raiadura dunha laranxa
- 300 gramos de fariña
- 1 cucharadiña de sal
- 80 ml. de leite
- 40 gr. de manteiga
- 2 sobres de levadura de panadería (usei da marca Maizena, que dous sobres son uns 11 gramos. Na receta orixinal usaba levadura fresca, da cal farían falta uns 25 gr.)
- 40 gramos de azucre (Na receta orixinal utiliza azúcar invertido, pero como é algo difícil de atopar e non é algo que teña na casa habitualmente usei azucre normal, pero engadindo un pouco máis da cantidade. Seguro que co azucre invertido sería moito máis doce, pero tiven que improvisar)
- 1 ovo
 

Receita:
-Nun bol poñer a fariña, a raiadura da laranxa, o sal e o cardamomo. Do cardamomo, por se alguén anda algo perdido ou perdida, só se utiliza a semente. Se mercades o cardamomo nunha herboristería seguramente volo vendan nas capsuliñas. O que utilizamos non son as cápsulas así enteiras, senón que as temos que abrir (poñendoas nun pano e golpeándoas un pouquiño cun mazo, ábrense moi facilmente) e escoller só as boliñas negras que teñen no interior.
Engadir esas boliñas á fariña e triturar ben ca picadora, para que quede ben fina a mistura toda.

-Noutro cazo, misturar o leite, a manteiga e o azucre e templar un pouco. Se utilizades microondas un minutiño ou menos será suficiente, pois só é temperar. Engadir a levadura e misturar. Agregar o ovo batido e seguir removendo ata que todo esté ben incorporado.
 Misturar este líquido coa fariña e amasar ben, ata ter unha masa ben compacta. Se vedes que se vos pega moito ás mans, podedes agregar un pouquiño de fariña, pero procurar non agregar moita, só un pouquiño. Tapar o bol e deixar a masa repousando sobre unha hora e media. Lembrade que o pano non toque a masa, pois mentres repousa vai a levedar, e se o pano a toca, non crece.

- Pasada a hora e media amasaremos os donuts, pero antes de nada encender o forno a uns 40º-50º, para que colla algo de calor. Mentras, imos amasando os donuts. Deberían quedar cun grosor dun centímetro ou centímetro e medio, non máis, pois despois no forno temperado crecerán ata case triplicar o tamaño.
Se non tedes cortapastas podedes facer coma min e utilizar un vaso para formar o exterior dos donuts, e para o interior, unha tapa dunha botella de refresco, é perfecta  :-)
Poñer os donuts que imos facendo nunha bandexa de forno, sobre papel para fornear.


- Apagar o forno (importante lembrarse de apagalo!) e deixar a bandexa cos donuts uns 20-30 minutos dentro. Co forno temperado os bolos levedarán máis rápido, e 30 minutos serán máis que suficientes. Coidado de non pasarvos do tempo, pois se os deixades moito máis, é moi probable que volvan a baixar.
Esta é a forma rápida de facelos, pero se tedes tempo podedes deixalos levedar dentro do forno en frío, a temperatura ambiente. Así levaralle seguramente unhas dúas horas mínimo. Pero eu sempre utiliza a versión rápida.


- Unha vez estén os donuts levedados, hai que fretilos en aceite de xirasol que non esté demasiado quente. Fretilos ata que estén doradiños. Unha advertencia: Se facedes os donuts co levedado rápido de 20 minutos, como levedaron en quente son máis delicados aos cambios de temperatura. Non sería raro que se sacades de golpe a bandexa do forno, co cambio de temperatura se baixen todos. Recomendo por eso dúas cousas. A primeira é evitar as correntes de aire na cociña, por eso unha vez te poñas a fretir, millor asegurarse de ter portas e fiestras cerradas. 
A segunda recomendación é non sacar a bandexa dos donuts do forno senón millor ir sacando de un en un conforme os vas metendo na sartén.

-Para o glaseado, na receta orixinal fan un a base de manteigas e azucre en pó pero paréceme unha bomba. Prefiro facerlle o glaseado de toda a vida: ferver azucre cunha pouquiña auga.
Untar o glaseado cun pincel ou, si o queres máis doce, directamente sumerxir os donuts.
Deixalos enfriar un pouco e... listos para comer!

Con estas cantidades a min sáeme unha ducia de donuts máis ou menos, e é preferible non facer grandes cantidades pois o problema que teñen é que non aguantan moitos días. Ao día seguinte xa comezan a estar duriños. E como aquí na casa aínda somos uns cuantos, e sempre hai tamén a quen levar a proba... pois 12 en seguida desaparecen.

Recomendación musical: Enseguida relacionamos os donuts como un dos doces típicos americanos, ese é o motivo polo cal escollo unha proposta musical do outro lado do charco, pero con certo toque nostálxico (hehehe)