mércores, 11 de decembro de 2013

Ensaimadas

Levo varias semanas sen publicar ningunha entrada porque o traballo e un resfriado mo impediron pero... aquí volvemos con máis cousas ricas!
Nesta ocasión un doce ao que lle tiña moitas ganas pero nunca me decidira a probar: ensaimadas.
Consultei varias recetas en internet, videos... e ao final decidinme pola versión de El monstruo de las galletas, un blog ben xeitoso e cheo de cousas ricas e curiosidades.
Aviso só unha cousa respecto ás cantidades aquí indicadas. Aproveitei a facer esta receta un día que éramos moitos a xantar, e como na orixinal indicaba que con estas cantidades de ingredientes lle saíran unhas 19 ensaimadas, así fixen eu tamén, pero aviso que a min saíronme 30. Por suposto, acabei levándolle varias a un par de veciños  :-)
 
Non sei se é que amasei moito pero o caso é que a masa levedou moito, e certamente quedoume moi boa. Estirabase moito e moi facilmente e non me rompeu en ningún momento. Por eso tede en conta que se tamén sodes conciencudos coma min á hora de amasar a man... seguramente precisedes moita menos cantidade.

Ter en conta tamén que as ensaimadas precisas de 2 días para a súa elaboración, pois a masa precisa levedar polo menos 12 horiñas.


Ingredientes:
    
     Para a masa nai:
  • 250 gramos de fariña de forza
  • 125 ml. de auga
  • 5 gramos de levadura de panadería (da seca, non da fresca. Para usar desta prensada comprobar cal sería a cantidade equivalente a utilizar)
     Para a masa:
  • 740 gramos de fariña de forza
  • 10 gramos de levadura de panadería
  • 150 gramos de azucre
  • 3 ovos
  • 350 ml. de auga
  • Manteiga de porco (para montar as ensaimadas)

Receita:

- O primeiro de todo é facer a masa nai. Misturamos os tres ingredientes e amasámolo lixeiramente. Tapamos a masa e deixámola repousar ata que dobre o seu tamaño. (No meu caso como estaba cerca da cociña de leña, en pouco máis dunha hora xa estaba lista, pero neste caso o tempo de repouso dependerá da temperatura do entorno onde deixedes repousar a masa nai)

- Cando a masa nai esté lista, o que facemos é a masa. Tamén moi sinxela: poñer a fariña nun bol grande, engadirlle a levadura e o azucre e misturar todo. De seguido engadímoslle os ovos, a auga e a masa nai, e volvemos a misturar ben. Primeiro usaremos unha culler de madeira, e cando xa vaian estando os ingredientes máis ou menos misturados, pasamos a amasar na mesa ou mármore.
Hai que amasar bastante (ata que sude o pe da artesa, como decía miña avoa). Ao principio a masa pegarásevos un pouco ás máns. Nesta caso poderedes agregar un pouquiño máis de fariña, pero non moita, pois o ideal é conseguir que a masa deixe de pegarse ás mans a base de amasar e amasar. Se simplemente agregamos fariña para que non se pegue, a masa acabará quedando dura e pesada, e neste caso non vale: precisamos dunha masa blanda e elástica.
Cando vexamos que xa non se pega tanto e que está ben amalgamado todo, aceitamos a masa e deixámola repousar ata que dobre o seu tamaño.

-De novo neste caso co calorciño da cociña de leña, en hora e media estaba lista para continuar, pero se a deixades nun cuarto máis fresco, seguramente lle leve máis horas duplicar o tamaño.

-Cando esté lista, dividiremos a masa nunhas porcións de 50 ou 60 gramos cada unha. Faremos con cada poción unha pequena boliña e deixarémolas repousar uns 15 minutos sobre a mesa de traballo.



- Pasados os 15 minutiños, comezaremos a formar as ensaimadas. Colleremos a primeira das porcións e, ca mesa un pouco aceitada, estirámola primeiro coa palma da man e logo co rodillo. Darémoslle unha forma rectangular. Seguiremos estirándo ata que quede o máis fina posible. Teríades que poder estirar a masa tanto que se poida ver ao seu través o mármore. Como din no blog onde saquei a receita, ten que pasar a "proba da membrana", que significa que ten que quedar moi elástica. Esto comprobádelo levantando un pouco a masa por un dos lados e comprobando que se pode estirar e que non rompe a pesar de estar tan finiña.

-Extendemos unha capa de manteiga de porco (que estará a temperatura ambiete). Estenderémola cos dedos. De novo, na receta orixinal di que esta capa non debe ser moi fina, e seguramente sexa así, pero eu non puiden evitar repartir ben a manteiga e crear simplemente unha fina capa, pois parecíame moita cantidade de manteiga para unha ensaimada tan pequena.
Unha vez ben cuberta de manteiga, procederemos a facer un rulo coa masa. Dende a parte superior iremos enrollando a masa, deixándoa ben apretada, para conseguir un rulo longo.
A este rulo de masa darémosolle a forma de ensaimada, partindo do centro e enrollandoo cara fóra. A punta de fóra meterémola lixeiramente cara dentro, escondéndoo lixeiramente.
Colocaremos as ensaimadas na bandexa con papel deixando eso si, unha boa separación entre elas, xa que crecen moito.



-Cando estén tódalas ensaimadas listas, deixarémolas levedando 12 horas. Para que non se reseque a masa podemos pulverizarlle un pouco de auga. Do mesmo xeito poden quedar no forno apagado pero preferiblemente deixalas nun sitio aberto. Sen correntes de aire, pero aberto.
Esto dígoo porque, como sabedes, saíronme 30 ensaimadas, polo que tiven que deixalas en varias fuentes. Tres delas deixeinas no forno e non foi a mellor idea. Cando as masas levedan emiten vapores, e ao deixar tantas masas xuntas nun espazo tan pequeno, eses vapores xeraron un pouco de calor, polo que as masas subiron pero ao longo da noite volveron a baixar, cando a temperatura baixou. En cambio a fuente que quedou fóra, sobre a mesa da cociña, creceron e conseguiron unha forma moi bonita.

-Procederemos a fornealas pouco a pouco. Ter en conta que de novo, no forno, crecerán outro pouquiño. Non moito, pero si redondearán a súa forma un pouco máis. Antes de fornealas espolvoreamos un pouco de azucre glass, e deixamolas uns 8 ou 10 minutos no forno prequendato a 220º (no meu caso a 200, pois o noso forno quenta moito).
Deixarémolas enfriar nunha rexilla e cando estén algo frías, espolvoreamos máis azucre glass.

É unha masa non moi doce, apta para os que non son moi aficcionados ás cousas moi doces, pero si queda esponxosa e cunha textura agradable.




 Outra cousa que se pode facer, é abrilas ao medio unha vez estén ben frías, e facerlle un recheo. No meu caso probei 3 recheos: o típico de nata, crema de chocolate e crema de café.

Fixen unhas cremas moi básicas, a base de nata:
Para a de nata: Engadir 2 culleradas sopeiras de azúcre e un toque de canela a 200 ml. de nata e montar todo ben.

Para a de chocolate: Derretir ao baño maría ou no micro uns 75 gramos de chocolate de cobertura.
Cando esté templado engadirllo a 200 ml de nata. Engadir azucre ao gusto (eu púxenlle só unha cullerada) e montar todo.

Para a de café: Engadir 1 ou 2 culleradas de café soluble e 1 cullerada de azucre a 200 ml. de nata e montar todo ben.

Calquera das tres opcións está de vicio. E sóas, tamén!


Recomendación musical: Pois de novo outro topicazo que coido non preciso explicar: "Mediterráneo", de Serrat





Ningún comentario:

Publicar un comentario