martes, 19 de novembro de 2013

Tiramisú con licor café

Creo que non podía faltar neste blog a miña versión do tiramisú. Probei moitas veces este postre e como non, uns sempre me gustaron máis que outros, pero o que máis me convenceu é esta versión.
Levoa facendoa moitos anos, e sempre que o fixen todo o mundo quedou moi contento.
Nunca estiven en Italia, polo que non tiven a opción de probar un "orixinal", pero si teño varios amigos e amigas italianas que o probaron e déronlle unha moi boa aprobación así que... non estaremos desencamiñadas :-)
Esta versión chegoume hai xa varios anos a través dunha amiga de miña nai. Non é complicado de facer, de feito no meu caso só é cuestión de un par de claves: para min o tiramisú ten que saber principalmente a café non a licor, e tampouco ten que ser un postre moi doce.


Ingredientes:
  • 500 gramos de mascarpone (O queixo mascarpone non é precisamente barato, por eso pódese combinar con 400 de mascarpone e 100 de nata. Ademaís é complicado atopar tarrinas para 500 gramos de queixo. Polo xeral son de 200. Só nun supermercado dou atopado ás veces unha tarrina de 500, que ademáis sae máis barata que mercar 2 de 200. Tamén se podería poñer 300 de queixo e 300 de nata, pero é importante que sempre leve queixo e sobre todo, que non leve máis nata que queixo)
  • 5 ovos (1 ovo por cada 100 gramos de crema)
  • biscoitos de soletilla
  • café
  • azúcre
  • cacao en polvo
  • licor café (optativo)
Receita:

     -Separamos as claras das xemas.
     -Nun bol amplio poñemos o queixo mascarpone e agregámoslle as xemas dos 5 ovos e 3 culleradas sopeiras de azucre. A cantidade de azucre non a mido porque vai ao gusto de cada un. A min non me gusta que quede moi doce, e como os propios biscoitos de soletilla xa teñen azúcre, prefiro non pasarme. A proporción que uso é a de unha cullerada de azúcre por cada 200 gramos de crema, máis ou menos.

     -Coa axuda dunha espátula misturamos o queixo cas xemas e o azúcre ata que estén ben incorporadas e o queixo esté cremosiño e cun lixeiro toque amarelo.
(No caso de utilizar tamén nata, non agrego o azúcre nas xemas senón que llo poño á nata líquida. Entón montaríase a nata co azúcre correspondente e posteriormente engadímola á mistura de queixo coas xemas)

     -Montamos as claras dos 5 ovos e cando estén ben compactas incorporámola á mistura anterior. Neste paso é moi importante misturar todo con moito coidado, cunha espátula de madeira ou cunha lingua de silicona, facendo movementos envolventes. Hai que ter moito coidado para que as claras non baixen.


     -E procedemos entón a montar a tarta. Neste caso, eu fixen a presentación en vasos individuais, pero polo xeral sempre utilizo unha fuente.
     -Nun plato fondo poñemos un bo chorro de café no cal iremos empapando os biscoitos de soletilla. A receta orixinal ademáis de café leva amaretto, pero aquí na casa non nos gusta moito. Como alternativa, nalgunha ocasión téñolle agregado un pouco de licor café, que misturo co mesmo café onde empapo os biscoitos. (Este truco animoume a facelo Alonso, o gran cociñeiro do restaurante Casa do Santo)
Na fuente que escollamos imos facendo unha base cos biscoitos, que empaparemos previamente no café con licor.
Cando esté o fondo cuberto, poñemos unha capa da crema, outra segunda capa de biscoitos empapados en café e rematamos con outra de crema.
     -Espolvoreamos un bo cacao puro (eu utilizo cacao Valor, do que ven en lata) e metémolo na neveira polo menos 2 ou 3 horas (Aínda que realmente está tan bo, que case se pode comer no momento jejejeje)

Recomendación musical: O seu sería tamén que apostase por unha proposta musical italiana ¿non si?. Pois non! para varias, e tendo en conta que esta receita leva o detalle (importante) do licor café, optei por unha galega. O "Fandango" de Trim
https://www.youtube.com/watch?v=5heyRnGuu5Y


1 comentario:

  1. Menuda receita!! Vou probar a facela, pero xa che adianto que vou cambiar o licor café por crema de augardente, que che parece?
    De todas formas, farei algúns de licor café para que o patriarca se anime a probalo.
    Grazas, e noraboa!!

    ResponderEliminar