A aplicación é gratuíta, e ven cun pack de recetas gratis. Despois presenta múltiples packs de recetas temáticos: pratos de verán, pratos para facer en 20 minutos, recetas de nadal, tapas.... Cada pack inclúe sempre unhas 10 recetas máis ou menos, e tamén algún video onde o propio Jamie Oliver explica diferentes técnicas.
Antes a fórmula para descargalos era ter que mercar cada pack de un en un, variando os prezos entre 2,5€ - 4€. Agora cambiaron a fórmula. Xa non tes que mercar os packs individualmente senón que pagas unha cuota que che permite acceder a tódalas recetas durante un límite de tempo. Así por exemplo se pagas 2,99€ tes acceso ilimitado a tódalas recetas do programa durante un mes. Por 5,66, durante tres meses.... e así podes pagar por 6 meses e por un ano. Realmente igual resulta un pouco máis caro, pois da outra forma mercabas un pack e pagabas unha vez e tíñalo para sempre, pero realmente paréceme máis interesante así. Agora mesmo eu paguei os 6 euros, e así, ata xaneiro do 2014 teño acceso a tódalas recetas. Non que é que de aquí a xaneiro as vaia a facer todas, pero si que estou mirandoas todas con calma e apuntándome aquelas que vexo que me gustan. O mesmo cos videos, que os podo ver todos. Así, cando pasen os 3 meses, se non quero renovar, darame igual, pois xa terei visto tódalas recetas.
Pero vamos ao que vamos... Ainda que a min o doce non me gusta moito si que me gusta facer postres, e Jamie Oliver inclúe un pack de postres... irresistibles!
Encántame Jamie Oliver. Gústame a forma de cociñar que ten, tan caseira pero á vez tan traballada. E a estética dos seus platos, paréceme xenial. Realmente fai que a comida che entre polos ollos.
E neste caso atrevinme ca súa tarta de lima. Aviso que non é unha tarta apta para lambóns :-)
É unha tarta bastante ácida, pero sen chegar a ser molesta. Encantoume porque non é nada doce. Non é unha tarta doce con sabor a lima. É realmente unha tarta de lima. Moi fresca, potente, con moito sabor a lima. Atrevédevos a facela se non sodes moi de postres doces, pois este é perfecto.
Non variei a receta de Jamei Oliver, pero como é normal, non quedou igual :-( A el quedoulle moito máis clariña. A miña crema colleu unha cor laranxiña, pero a el quedoulle máis pálida, o que estéticamente queda moito millor. É certo que quizais eu cocín un pouco máis a crema, porque non me daba collido o espesor que quería (de feito tiven que acaba incorporándolle un pouco de maizena para espesar).
Non sei que pasou....Supoño que por algo el é un chef de fama mundial e eu unha aficcionadilla :-D
Con estas cantidades sae unha tarta bastante grande. Eu fíxena para un día que eramos moitos a xantar, pero se queredes facer unha para probar facedea á metade ou incluso menos, pois aviso que é bastante potente de sabor, polo que cunha porción pequena pode ser suficiente.
Ingredientes:
Para a masa quebrada:
400 gramos de fariña
150 gramos de manteiga
120 gramos de azucre
Unha pizca de sal
Auga
Para a crema:
7-8 limas
10 ovos
230 gramos de manteiga
150 gramos de azucre branco
125 gramos de azucre moreno
Receita:
- Comezar ca masa quebrada. Tamizar a fariña nun bol e engadirlle o sar e o azucre. Misturar todo ben.
-Incorporar a manteiga cortada en anaquiños e irlla incorporando. Un truco para facelo rápido e sen que resulte engorroso: ir collendo os cachiños de manteiga de un en un e envoltos nun bo montonciño de fariña e frotalo entre os dedos, collendo máis fariña sempre que sexa preciso, se ves que se che pega aos dedos a manteiga. Así, cachiño a cachiño é máis rápido e queda millor.
O resultado é que a fariña ten que quedar cunha textura como areosa.
-Cando esté todo ben incorporado e sen grumos, engadirlle un pouquiño de auga. Hai outra opción de facer a masa quebrada engadindo un ovo, en vez de auga. Pero neste caso como a crema xa leva tantos ovos preferín optar pola auga, e así reducir polo menos na masa os ovos. Fixádevos que levaría só un ovo, así que calculade que a cantidade de auga que agreguedes terá que ser moi pouquiña.
A idea de agregar auga (ou leite, ou un ovo) é simplemente para que a masa colla forma, así que se tal agregade só un chorriño de auga, e se vedes que precisa máis, agregade outro, pero coidado de non pasarvos, pois senón teredes que agregar máis fariña e xa se desequilibran as cantidades de azucre e manteiga.
- Deixar a masa repousando na neveira entre 45 minutos e 1 hora.
- Comezamos mentras co recheo. Picamos os 230 gramos de manteiga en taquiños para e deixámola para que se ablande a temperatura ambiente.
- Nun bol escascamos 5 dos 10 ovos. Dos outros 5, separamos as xemas das claras e agregamos aos 5 ovos anteriores só as 5 xemas. (Gardamos as claras na neveira para outra ocasión). Batimos todo e reservamos.
- Raiamos 3 limas e reservamos tamén esa raiadura. Con esas 3 limas que raiamos e as que precisemos a maiores, precisamos conseguir 250 ml. de zume de lima. (Na receta Jamie Oliver decía que precisara 8 limas, pero a min chegáronme 6). Reservamos o zume.
- Agora que xa temos a mise en place lista, comezamos.
-Comezamos coa base. Prequentamos o forno a 180º. Sacamos da neveira a masa.Poñemola sobre un papel de fornear e estirámola ata que vexamos que nos chega para cubrir o molde, e cando esté, poñéñola sobre o molde co mesmo papel de fornear (así aforrámonos poñerlle máis manteiga para que non se pegue). Asentamos ben a masa e recortamos os bordes sobrantes. Cun garfo picamos todo o fondo da masa pois senón esta masa no forno incharía e romperíase.
Poñerlle por encima outro cacho de papel de fornear e sobre el, esparcirlle garbanzos ou fabas. Esto faise porque esta masa no momento en que se fornea precisa ter peso encima, senón rompe, por eso tes que poñerlle unha boa cantidade de legumes, cubrindo ben todo o fondo.
As legumes que utilices para facer de peso lóxicamente despois non van a servir para cociñar, por eso eu o que fago, para non andar estropeando garbanzos cada vez que fago masa quebrada, é gardar unha bolsa estes garbanzos e reutilizalos cada vez que queira facer máis masa quebrada. Ao metelos tantas veces ao forno chegará un momento que se vaian poñendo negros e terás que ilos tirando, pero bueno, polo menos non se estropea de cada vez un paquete de legumes.
- Meter no forno a 180º uns 15 minutos. Pasados eses 15 minutos retirarlle o papel de fornear cos garbanzos e seguilo cocendo outros 5 minutos máis.
- Mentras se coce a masa, facemos o recheo. Coller os ovos batidos e agregámoslle a manteiga picada en tacos e os dous tipos de azucre. Batimos todo ben ata que tódolos ingredientes estén incorporados. Poñemos a mistura nun cazo e poñemolo ao lume medio.
-Agregámoslle o zume e a raiadura de lima. Unha vez comece a ferver, deixamos que se cociñe uns 5 minutos. Estar pendentes da crema, e ir remexendo cunha lingua ou cun batedor xa que estas cremas con tanto ovo tenden a pegarse moi facilmente.
-A crema comezará a espesar, e cando vexades que xa ten unha textura similar á crema pasteleira, retirar do lume. No meu caso, non sei se polo tipo de manteiga ou porqué, non me acababa de coller o punto de espesor que quería, así que como tampouco quería pasarme ca cocción, retirei do lume e engadinlle un pouquiño de maizena para espesar.
-Cando a base esté lista, deixala arrefriar un pouco, e cando esté, cubrila coa crema de lima e ovo. Para decorala un pouco podemos esparcille lixeiramente por encima a raiadura de unha ou dúas limas (podemos aproveitar as peles das limas que xa usáramos para facer o zume)
Jamie Oliver presentaba unha opción de acompañamento moi sinxela. Picar un par de galletas cun par de bolas de xenxibre (ou engadirlle xenxibre en pó, no caso de non telo en rama ou boliñas). Montar unha pouca nata e cando esté, engadirlle esa mistura de galleta con xenxibre. Supoño que ese acompañamento suavizaría un pouco o sabor forte da lima, pero como na nosa casa non somos moi de nata pois non llo fixen.
Penso que outra opción ao millor tamén podería ser montar as claras que non utilizáramos dos 5 ovos e facer unha especie de merengue, pero en vez de con tanto azucre, con azucre e xenxibre. Non sei, esto non o probei, pero penseino máis que nada para así aproveitar tamén as claras.
¿Que outras ideas de acompañamento pode haber? Si se vos ocurre algunha cousa, compartide os vosos coñecementos que agradecereino moito. :-)
Recomendación musical: Un postre tan fresco e ácido como esta tarta de lima precisa da boa música brasileira. E a "Aquarela Brasileira" interpretada por Casuarina e Leci Brandao resume á perfección todo o que é o Brasil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario