Por suposto cada un ten as súas preferencias pero a min en particular esta encántame. Pode ser que sexa porque aínda que me gusta a repostería non son moi fan de cousas moi doces, por eso esta me resulta perfecta.
A cervexa negra e o cacao danlle un toque "amargo", e o remate da crema de queixo por encima... a guinda do pastel!
A receta tomeina do magnífico blog Un Cachiño Doce, do cal xa sabedes que son "fan number one".
Pero teño que decir que fixen algunhas pequenas modificacións da súa receta. Despois de probar a facela en varias ocasións e de variar algunhas cantidades, volvín a facela hai uns días para o aniversario dunha amiga e todas as presentes acordamos que era a definitiva.
Se sodes máis larpeiros ou larpeiras e preferides as cousas máis doces, anímovos a que optedes pola receta de Un Cachiño Doce.
Se pola contra sodes máis de cacao amargo e cervexa, esta receita sería máis axeitada.
Ingredientes para o biscoito:
- 440 ml. de cervexa negra Guinness (1 lata grande. Pódense atopar en calquera supermercado)
- 250 gr. de mantequilla
- 250 gr. de fariña de repostería
- 80 gr. cacao (uso cacao puro Valor. O que ven en lata metálica é algo máis caro, pero vale a pena)
- 170 gramos de azucre (como vedes, non é para larpeiros)
- 140 ml. de nata líquida para montar
- 2 ovos
- 1 cucharadiña de esencia de vainilla
- 2 cucharadiñas e media de bicarbonato
- 300 gr. de queixo de untar (tipo Philadelphia)
- 130 gr. de azucre glass
- 360 ml. de nata líquida
Receita:
-Quentamos a cervexa (que non ferva, só quentar) e engadímoslle a mantequilla cortada. Iremos movendo pouco a pouco para que a manteiga se desfaga ben, e cando esté, apartámolo do lume.
-Mesturamos nun bos os ingredientes secos: azucre, cacao, fariña e bicarbonato. O azucre non é necesario, pero o cacao, fariña e bicarbonato, millor tamizados. Mesturamos ben.
-Noutro bol, prepararemos os ingredientes líquidos: nata, ovos e vainilla líquida. Batimos todo pero millor cun batedor manual, xa que a idea é que quede unha mistura cremosa. Cando esté ben misturado agregamos a cervexa coa manteiga derretida. Procurade que a cervexa, unha vez a agreguedes á anterior mistura, esté templada ou máis ben case fría, xa que se está moi quente pode estropear os ovos.
-Cando estén os líquidos ben mesturados, agregámoslle os ingredientes secos. Mesturamos todo ben ata que estén perfectamente integrados os ingredientes. A masa que nos quedará será moi líquida, non preocuparse.
-Poñemos a masa nun molde redondo e engraxado.
-Ao forno uns 50 minutos a 170º. Nos primeiros 15 ou 20 minutos deixoo con calor por encima e por baixo, e cando vemos que por arriba xa está ben cocidiño poñémoslle só calor por abaixo. Como digo sempre cada forno é un mundo, polo que pode ser que teñades que poñelo a 180º ou incluso a menos de 170º. O noso forno cociña bastante, polo que incluso os 10 ou 15 últimos minutos aínda teño que baixarlle algo máis a temperatura, pois senón queda crudo por dentro e pódese queimar por fóra.
-Cando esté listo (probar se está pinchando cun palillo ou pao de pincho moruno. Se sae limpo, é que está ben) quitalo do forno e deixalo arrefriar sen desmoldar. Como a masa orixinal é tan líquida, pode que nos pareza que non está ben cocido no momento en que o sacamos do forno, pero tranquilos, ao enfriar ben colle algo máis de corpo.
-Cando esté frío o biscoito desenmoldamos, poñémolo na fonte en que queiramos servir a tarta e poñémoslle a cobertura de queixo por encima.
-Para preparar a cobertura agregamos o azucre glass á nata. Montamos ben a nata e cando esté lista, agregámoslle o queixo. Seguimos batindo a velocidade alta ata que colla unha textura ben cremosa e compacta.
-Cubriremos coa crema de queixo agregándoa a grandes culleradas. A idea é que a propia presentación da tarta simule unha cervexa Guinnes, por eso non temos que preocuparnos porque non quede lisiña a crema. Ao contrario, canto máis natural quede, mellor, porque así o queixo simula a espuma da Guinnes.
A cervexa dalle unha textura realmente interesante ao biscoito. Queda humido e fresco, a pesar de ser de cacao amargo e sen moito azucre.
Se queredes agregarlle máis azucre porque preferides máis doce, aconsellaría non reducir a cantidade de cervexa nin tampouco os outros ingredientes.
Recomendación musical: Esta vez voume a sair dos tópicos e non porque sexa de Guinness vou a poñervos aquí a Riverdance ou calquera proposta irlandesa. Este é un postre intenso, forte, cargado matices diferentes e que che deixa ganas de máis. Por eso "4.6" de Sumrrá.
Ademáis....igual que pasa con Sumrrá, aínda que en pantalla son flipantes, o seu é velos en directo. :-)

Ningún comentario:
Publicar un comentario